Sobre paneis informativos e o uso da linguaxe

Etiquetas

, , ,

Non é a primeira vez que o vexo, aínda que si é a primeira vez que o comento. Por toda esta zona do Salnés que comprende Cambados, Ribadumia, Sanxenxo, Meaño, etc., é frecuente atopármonos cuns curiosos elementos cadrados ou rectangulares, a miúdo erguidos sobre dúas patas dun ser vexetal xa morto e que ofrecen ó vidente que se aproxima a eles unha serie de letras e/ou imaxes.

Ata aquí todo ben, atopámonos ante o típico panel informativo que algún tipo de autoridade (local, municipal, comunal, etc.) coloca para facer visible algo digno de ser ollado, xa sexan uns restos arqueolóxicos, unhas aves migratorias ou unha simple paisaxe.

Pero o malo destes elementos é que na maioría dos casos presentan grandes erros lingüísticos. Non digo que as persoas que redacten este tipo de textos sexan grandes escritores. Non pido que ningún Shakespeare, ningún Borges, ningún Cunqueiro se dediquen a redactar paneis informativos. Pero o que si se espera é que non conteñan erros tan graves como os visibles nalgúns destes paneis, nos cales á parte de pisoteala ortografía, se mestura o galego co castelán ou se escriben mal elementos coma os topónimos.

Un exemplo disto é este panel de Castrelo (premer na foto para ampliar). A foto é deste mes de agosto de 2013. Nela pódese ver escrito o topónimo “Seiñas”, cando o correcto é Saíñas; o castelán “playa”, cando o resto está escrito en galego, polo que debería ser praia; ou o topónimo mal escrito “Insuiña”, debendo escribirse Insuíña.

Panel informativo. Castrelo

 

Insecto voador azul

Etiquetas

, , , ,

Esta entrada non ten nada que ver coa historia, pero penso que pode ser curioso ir engadindo algún que outro elemento non relativo ó asunto principal do blog. Así será un pouco menos monótono, xa que a historia non é algo que atraia a todo o mundo.

Polo tanto, aquí vai esta primeira entrada non relacionada coa historia.

É unha especie de cabalo do demo, de cor azul, fotografado ó carón do museo da telleira, entre Vilalonga e Dena, nun día soleado de primavera. (É recomendable premer na imaxe para ampliar).

InsectoÉ curiosa a forma de determinados insectos e animais. Este parece presentar unha cor azul bastante chamativa, o que podería atraer ós seus depredadores, aínda que seguramente lle sirva de camuflaxe no seu medio, entre a vexetación. Xunto coas manchas negras e a súa forma alongada pode pasar bastante inadvertido se un non se fixa con atención. Por outro lado, os ollos, ubicados nos laterais da cabeza, poden querer dicir que é un insecto que debe prestar moita atención a posibles depredadores. Un animal depredador tería os ollos de fronte, para poder calcular con precisión a cercanía ou lonxanía da presa.

Está pousado sobre unha herba sen ningunha complicación, polo que o seu peso debe de ser ínfimo.

Insecto 2

Detalles, a grandes rasgos (II)

Etiquetas

, , , , , ,

Seguindo con esta pequena serie de artigos relacionados coa historia da zona de Sanxenxo e as demais áreas próximas, vou tratar aquí algúns aspectos relacionados coa época medieval.

Comezarei, como non, pola zona da Lanzada, en Noalla, un lugar rico en restos arqueolóxicos, sobre todo pola proximidade ó mar. Estar preto do mar facilitaba a comunicación, posto que, nunha época onde non existían os automóbiles, moverse polos camiños era bastante complicado, sobre todo polos camiños de terra, que eran todos excepto algunhas calzadas romanas. Ademais, había que ter coidado cos salteadores que había escondidos por estes camiños. Polo mar, en cambio, a cousa era algo máis fácil e máis rápido, sobre todo se se quería ir a outro país. Aínda que tamén había perigos, como os piratas, as tempestades, etc.

Como dicía, na Lanzada podemos ver, para empezar, a torre que ordea levantar Sisnando II, bispo de Santiago de Compostela, no século X, para defenderse dos ataques dos saqueadores.

Torre da Lanzada

Esta torre da Lanzada está en relación coas de Oeste, en Catoira, que non son de época medieval, senón anteriores, e coa de San Sadurniño, en Cambados, creando así unha liña defensiva en toda a ría de Arousa en aliñación Norte-Sur. Deste xeito, unha torre podería poñerse en contacto coas outras e así avisar á poboación para que se puxesen en garda ante o ataque dalgún inimigo. Ademais, isto protexía un dos accesos costeiros á área de Santiago de Compostela, a cidade máis importante de Galicia naqueles tempos, xa que no século IX comezou a experimentar un gran crecemento debido a que se atoparon os supostos restos do apóstolo Santiago. Estas torres defensivas son moi comúns en época medieval por esta zona. Á parte destas que acabo de citar, tamén se teñen identificado torres no Grove así como en moitas outras zonas de Galicia.

Torre de san Sadurniño, Cambados

Máis tarde, xa no século XV, esta  torre da Lanzada sería destruída. Foi o último reduto dos Irmandiños, na guerra que enfrentou ó pobo (campesiñado, fidalguía, baixo clero) contra os nobres. Os Irmandiños, durante os seus ataques contra a opresión dos señores, lograron destruír moitos castelos e fortalezas, pero a superioridade dos señores, que contaban co apoio dos reis, acabou con eles.

Torre defensiva e pequena igrexa, Catoira

Por outro lado, tamén se atoparon, nas escavacións levadas a cabo nesta zona sanxenxina, uns corpos con signos de violencia. Presentaba as mans atadas á espalda e un corte perfecto no pescozo, realizado dende diante, xunto cun golpe na cabeza. En primeiro momento, cando lin sobre estes corpos achados coas mans atadas á espalda, pensei que serían represaliados políticos durante o golpe de estado da dereita que se produciu na II República, pero o carbono 14 indica que os corpos pertencen aos séculos VIII – XI. Con estes datos hai que pensar nos ataques que a miúdo asolaban as nosas costas, provintes de pobos como os viquingos, que chegaban cunha ampla flota e saqueaban o que podían. Tal vez estes corpos foron vítimas dalgún tipo de ritual. Pódese ver esta información aumentada no blog Capítulo Cero, de Manuel Gago, onde conta a historia de Sisnando dun xeito bastante entretido durante a charla que deu en Noalla.

Tamén na Lanzada se ten documentado unha necrópole con tumbas tanto tardorromanas como doutra época máis tardía. Apareceron enterramentos en fosa simple, é dicir, enterrados directamente no chan, como son os corpos dos que falei antes. Había, por outro lado, tumbas de laxes trapezoidais, que poden ser tanto de época tardorromana como de época altomedieval  ou do medievo pleno. Tamén se atoparon tumbas de tégulas, datadas en época baixoimperial, é dicir, sobre os séculos III – IV d.C. Por último, tamén se localizou algunha tumba de incineración, típicamente romana, datada por eses mesmos séculos.

Na zona do Grove, no xacemento de Adro Vello, en San Vicente, atopáronse enterramentos comúns ó desta zona, en fosa simple, en tumbas de laxes fusiformes, que son parecidas ás trapezoidais, e con ladrillos, pero teñen unha datación algo máis recente que as da Lanzada, posto que este xacemento tivo unha ocupación máis prolongada, aínda que non de forma continua, chegando ata o século XVIII.

Por último, na zona de Vilalonga, atopouse unha necrópole con tumbas antropomorfas, ó lado da igrexa. Estas tumbas poden datarse en época medieval, pero habería que estudalas mellor para poder dar unha data exacta. Polo visto ata o de agora, as necrópoles soen estar en relación con algún tipo de zona de hábitat ou con algunha construción próxima, como unha igrexa. Ó mellor, antes de edificar a actual igrexa parroquial, existía algún tipo de edificio anterior, aínda que é moi difícil sabelo.

Fontes:

Rodríguez Resino, A. Do Imperio Romano á Alta Idade Media. Arqueoloxía da Tardoantigüidade en Galicia (séculos V-VIII), Toxosoutos, Galicia, 2005.

http://www.manuelgago.org/blog/