Etiquetas

, , , , , ,

Seguindo con esta pequena serie de artigos relacionados coa historia da zona de Sanxenxo e as demais áreas próximas, vou tratar aquí algúns aspectos relacionados coa época medieval.

Comezarei, como non, pola zona da Lanzada, en Noalla, un lugar rico en restos arqueolóxicos, sobre todo pola proximidade ó mar. Estar preto do mar facilitaba a comunicación, posto que, nunha época onde non existían os automóbiles, moverse polos camiños era bastante complicado, sobre todo polos camiños de terra, que eran todos excepto algunhas calzadas romanas. Ademais, había que ter coidado cos salteadores que había escondidos por estes camiños. Polo mar, en cambio, a cousa era algo máis fácil e máis rápido, sobre todo se se quería ir a outro país. Aínda que tamén había perigos, como os piratas, as tempestades, etc.

Como dicía, na Lanzada podemos ver, para empezar, a torre que ordea levantar Sisnando II, bispo de Santiago de Compostela, no século X, para defenderse dos ataques dos saqueadores.

Torre da Lanzada

Esta torre da Lanzada está en relación coas de Oeste, en Catoira, que non son de época medieval, senón anteriores, e coa de San Sadurniño, en Cambados, creando así unha liña defensiva en toda a ría de Arousa en aliñación Norte-Sur. Deste xeito, unha torre podería poñerse en contacto coas outras e así avisar á poboación para que se puxesen en garda ante o ataque dalgún inimigo. Ademais, isto protexía un dos accesos costeiros á área de Santiago de Compostela, a cidade máis importante de Galicia naqueles tempos, xa que no século IX comezou a experimentar un gran crecemento debido a que se atoparon os supostos restos do apóstolo Santiago. Estas torres defensivas son moi comúns en época medieval por esta zona. Á parte destas que acabo de citar, tamén se teñen identificado torres no Grove así como en moitas outras zonas de Galicia.

Torre de san Sadurniño, Cambados

Máis tarde, xa no século XV, esta  torre da Lanzada sería destruída. Foi o último reduto dos Irmandiños, na guerra que enfrentou ó pobo (campesiñado, fidalguía, baixo clero) contra os nobres. Os Irmandiños, durante os seus ataques contra a opresión dos señores, lograron destruír moitos castelos e fortalezas, pero a superioridade dos señores, que contaban co apoio dos reis, acabou con eles.

Torre defensiva e pequena igrexa, Catoira

Por outro lado, tamén se atoparon, nas escavacións levadas a cabo nesta zona sanxenxina, uns corpos con signos de violencia. Presentaba as mans atadas á espalda e un corte perfecto no pescozo, realizado dende diante, xunto cun golpe na cabeza. En primeiro momento, cando lin sobre estes corpos achados coas mans atadas á espalda, pensei que serían represaliados políticos durante o golpe de estado da dereita que se produciu na II República, pero o carbono 14 indica que os corpos pertencen aos séculos VIII – XI. Con estes datos hai que pensar nos ataques que a miúdo asolaban as nosas costas, provintes de pobos como os viquingos, que chegaban cunha ampla flota e saqueaban o que podían. Tal vez estes corpos foron vítimas dalgún tipo de ritual. Pódese ver esta información aumentada no blog Capítulo Cero, de Manuel Gago, onde conta a historia de Sisnando dun xeito bastante entretido durante a charla que deu en Noalla.

Tamén na Lanzada se ten documentado unha necrópole con tumbas tanto tardorromanas como doutra época máis tardía. Apareceron enterramentos en fosa simple, é dicir, enterrados directamente no chan, como son os corpos dos que falei antes. Había, por outro lado, tumbas de laxes trapezoidais, que poden ser tanto de época tardorromana como de época altomedieval  ou do medievo pleno. Tamén se atoparon tumbas de tégulas, datadas en época baixoimperial, é dicir, sobre os séculos III – IV d.C. Por último, tamén se localizou algunha tumba de incineración, típicamente romana, datada por eses mesmos séculos.

Na zona do Grove, no xacemento de Adro Vello, en San Vicente, atopáronse enterramentos comúns ó desta zona, en fosa simple, en tumbas de laxes fusiformes, que son parecidas ás trapezoidais, e con ladrillos, pero teñen unha datación algo máis recente que as da Lanzada, posto que este xacemento tivo unha ocupación máis prolongada, aínda que non de forma continua, chegando ata o século XVIII.

Por último, na zona de Vilalonga, atopouse unha necrópole con tumbas antropomorfas, ó lado da igrexa. Estas tumbas poden datarse en época medieval, pero habería que estudalas mellor para poder dar unha data exacta. Polo visto ata o de agora, as necrópoles soen estar en relación con algún tipo de zona de hábitat ou con algunha construción próxima, como unha igrexa. Ó mellor, antes de edificar a actual igrexa parroquial, existía algún tipo de edificio anterior, aínda que é moi difícil sabelo.

Fontes:

Rodríguez Resino, A. Do Imperio Romano á Alta Idade Media. Arqueoloxía da Tardoantigüidade en Galicia (séculos V-VIII), Toxosoutos, Galicia, 2005.

http://www.manuelgago.org/blog/