Etiquetas

, , ,

Non é a primeira vez que o vexo, aínda que si é a primeira vez que o comento. Por toda esta zona do Salnés que comprende Cambados, Ribadumia, Sanxenxo, Meaño, etc., é frecuente atopármonos cuns curiosos elementos cadrados ou rectangulares, a miúdo erguidos sobre dúas patas dun ser vexetal xa morto e que ofrecen ó vidente que se aproxima a eles unha serie de letras e/ou imaxes.

Ata aquí todo ben, atopámonos ante o típico panel informativo que algún tipo de autoridade (local, municipal, comunal, etc.) coloca para facer visible algo digno de ser ollado, xa sexan uns restos arqueolóxicos, unhas aves migratorias ou unha simple paisaxe.

Pero o malo destes elementos é que na maioría dos casos presentan grandes erros lingüísticos. Non digo que as persoas que redacten este tipo de textos sexan grandes escritores. Non pido que ningún Shakespeare, ningún Borges, ningún Cunqueiro se dediquen a redactar paneis informativos. Pero o que si se espera é que non conteñan erros tan graves como os visibles nalgúns destes paneis, nos cales á parte de pisoteala ortografía, se mestura o galego co castelán ou se escriben mal elementos coma os topónimos.

Un exemplo disto é este panel de Castrelo (premer na foto para ampliar). A foto é deste mes de agosto de 2013. Nela pódese ver escrito o topónimo “Seiñas”, cando o correcto é Saíñas; o castelán “playa”, cando o resto está escrito en galego, polo que debería ser praia; ou o topónimo mal escrito “Insuiña”, debendo escribirse Insuíña.

Panel informativo. Castrelo