Hoxe vou falar un pouco sobre a historia antiga de Sanxenxo, entendendo Sanxenxo non só como o núcleo habitacional onde está o concello, senón tamén como as áreas circundantes que o compoñen actualmente.
Comezamos en Noalla, onde se atopa o castro da Lanzada, a carón do mar. Está xusto antes da ermida da Nosa Señora da Lanzada e o afloramento granítico que contacta co mar. Este castro, segundo as últimas interpretacións, puido funcionar como unha área de comercio marítimo. A súa situación a carón do mar é unha baza a favor disto, posto que os castros normalmente están situados en zonas de difícil acceso para ser defendidos. Ademais, un dos edificios escavados ten pinta de ser un almacén. Hai información que di que aquí os fenicios salaban o peixe para logo comercializalo. Non sei se iso está demostrado completamente, pero o negocio do sal (xa sexa por fenicios, indíxenas ou romanos) si que pode ser certo, posto que, para comerciar co peixe, hai que tratalo para que dure o máximo posible e o sal era o único medio para conservalo durante certo tempo (á parte do xeo, pero non creo que fose moi común atopar xeo na zona da Lanzada). Por outro lado, está ben documentada a actividade dos fenicios nas zonas próximas a Galicia.
Falando un pouco dos fenicios, hai que dicir que proceden da zona do Levante do Próximo Oriente, onde se atopan actualmente países como Siria, Israel ou Palestina. Unha das súas colonias máis importantes foi a de Cartago, no norte de África, na actual Túnez. Esta colonia fíxose independente e conseguiu un gran poder mediante o comercio polo Mediterráneo, tendo unha gran presenza na península Ibérica, onde fundaron algunha cidade, como Cartago Nova (a actual Cartagena). Os episodios máis famosos desta civilización son as guerras Púnicas, que a enfrontaron a Roma no século III a.C. A mesma Roma sería a encargada da súa desaparición, coa destrución total de Cartago, ante o medo de que lles volvese plantar cara. Había un senador romano que, en cada sesión do Senado, dicía que Cartago debía ser destruída. Un pouco pesado ó mellor este senador, pero así chegou Roma ó que chegou.
A presenza dos romanos nesta zona tamén está demostrada, a partir dos episodios da conquista da Hispania por parte de Roma, dende o século III ata finais do I a.C. A estes personaxes custoulles o seu levar a cabo a romanización desta área do noroeste peninsular. Foi a zona que máis traballo lles deu ós romanos, xunto con Numancia e a súa defensa ata a morte.
Á parte da fereza dos indíxenas, o terreo dificultoulles moito o traballo aos conquistadores. Os castros, como xa dixen, soen estar situados en zonas específicas para podérense defender. Así vemos castros nos cumios dos montes, en zonas de acantilados ou en áreas escarpadas. Deste xeito difucultan o acceso dos inimigos e impídenlles que fagan un ataque organizado.
Despois da Lanzada, hai outros castros por outras zonas de Sanxenxo, como en Dorrón ou algún que outro resto dalgunha poboación antiga, como no Monte Faro, pero xa son algo máis descoñecidos por min. Ademais, algún resto do fenómeno megalítico tamén parece haber por esta zona. Con respecto ó caso de Vilalonga en particular, algunha noticia teño oído dun posible castro, pero non atopei ningunha información ó respecto.
En conclusión, pódese dicir que xa hai xente vivindo en Sanxenxo dende hai bastantes anos, polo menos dende o século X a.C., aínda que seguramente sexa dende algúns séculos antes, xa que hai documentada actividade dende o Calcolítico, polo menos no centro de Portugal, que non queda moi lonxe de aquí. Se temos en conta o fenómeno megalítico das zonas atlánticas, podemos remontarnos xa ós milenios V-II a.C.
Fontes:
alanzada.wordpress.com